Monday 13 de May de 2024

Os Xardíns de Méndez Núñez acollen concertos gratuítos do Morriña Fest, anticipo dun agosto cargado de actuacións musicais


No mesmo escenario levaranse tamén a cabo o Festival Internacional de Folclore e o Certame de Habaneras, dentro da programación das Festas de María Pita

O Concello establece para este venres e sábado dous dispositivos de seguridade para o desenvolvemento do Morriña Fest, que conta con máis de 500 traballadores directos entre persoal de seguridade e organización

As Festas de María Pita quecen motores esta fin de semana coa celebración da segunda edición na cidade do Morriña Fest. Este festival de música estará localizado este ano no porto e haberá, ademais, actuacións gratuítas nos Xardíns de Méndez Núñez, promovidas polo Concello.

No escenario, situado xunto ao monumento a Curros Enríquez, actuarán este sábado Javi Chapela (12.20 horas), Monoulious DOP (13.45 horas) e Les Castizos (15.05 horas). Tamén nos Xardíns levarase a cabo desde mañá, venres, ás 11.00 horas a validación de abonos e entradas do Morriña Fest, que abrirá as portas do recinto ás 16.30 horas. Será imprescindible presentar un documento identificativo para trocar a entrada.

O Goberno de Inés Rey aposta, deste xeito, por expandir a oferta do Morriña Fest máis alá dos dous escenarios do recinto, ofrecendo á cidadanía diferentes propostas musicais e dando protagonismo ás formacións galegas. Tras o paso do Morriña Fest polos Xardíns de Méndez Núñez o mesmo escenario será un dos espazos protagonistas das Festas de María Pita. Nel desenvolveranse dous festivais con ampla tradición na cidade, o XXXVI Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña (do 9 ao 13 de agosto) e o XXXVIII Certame de Habaneras (do 14 ao 20 de agosto).

Dispositivo de seguridade do Morriña Fest

O Concello da Coruña elaborou un dispositivo de seguridade especial para o desenvolvemento do Morriña Fest, este venres 28 e sábado 29 de xullo. Concretamente, estableceranse dous dispositivos cada día, un de tarde e outro de noite, entre as 15.00 horas e ata o desaloxamento da zona tras o remate dos concertos.

O dispositivo de tarde estará formado por 11 axentes e o dispositivo de noite, por 12. Contarase co apoio dun dron e sete dos axentes levarán cámaras corporais de peito a modo de disuasión. Haberá, ademais, unha dotación da Policía Nacional durante a noite na zona.

En función das aglomeracións na zona de entrada, situada na avenida de Linares Rivas, poderase cortar a circulación dun ou dous carrís, ademais do espazo destinado á parada do bus, na zona máis próxima ao porto. Estes posibles cortes faranse de maneira progresiva e segundo as necesidades co obxectivo de minimizar posibles retencións de vehículos.

Os bombeiros contarán con dous equipos na zona. Un terrestre, que estará no recinto para atender calquera emerxencia existente nas zona dos concertos, e outro na auga, que actuará ante calquera continxencia que poida pasar. Por outra banda, haberá un posto de mando de Protección Civil para garantir a seguridade e a evacuación dos asistentes. Tamén colaborarán cos servizos sanitarios.

O recinto do Morriña Fest conta con sete saídas de emerxencia, dúas zonas de aseos, seis barras de bebidas e oito postos de comida. Ademais, no desenvolvemento do festival traballan máis de 500 persoas de maneira directa, entre persoal de seguridade e da organización.